viernes, 23 de enero de 2015

Carreira intercomarcal de campo a través

Hoxe celebrouse no campamento xuvenil Virxe de Loreto en Porto do Son a proba da fase intercomarcal de campo a través para as comarcas da Costa da Morte e do Barbanza. Do noso colexio había clasificados dezanove nenos e nenas dos cales participaron dezaseis. A maiores algúns compañeiros do cole tamén correron co clube de atletismo da nosa vila, o Olimpia. Nesta fase a dificultade das probas increméntase moito porque as distancias a correr son maiores e os compañeiros cos que corremos teñen tamén un nivel moi alto, de feito moitos deles corren e adestran en clubes de atletismo. Ainda asi unha vez máis, tódolos nenos e nenas que participaron do cole fixérono verdadeiramente ben e incluso algúns, tan ben que conseguiron subir ó podio e mesmo clasificar para a seguinte fase, correspondente á fase provincial.
Comezaron correndo as nenas de categoría benxamín feminino, onde Carla quedou en oitavo lugar e clasifica para a seguinte fase. As outras compañeiras Alba, Ainhoa e Candela tamén o fixeron moi ben, e tanto é asi que quedaron terceiras clasificadas por equipos e subiron ó podio, onde recibiron cadansúa medalla e o trofeo de terceiras clasificadas da categoría.
Nas seguintes imaxes podemos ver a estas nenas diante da cámara de chamadas, previa á saída; e a continuación no podio.






A continuación foi o turno do nenos benxamíns masculinos onde competiron: Daniel, Gabriel, Mauro e Yago. Percorreron a mesma distancia que as nenas e ó igual que elas tamén o fixeron moi ben. Neste caso os que quedaron mellor clasificados foron Mauro (3º) e Daniel (8º), que van á fase provincial.
Aqui están os nenos desta categoría xusto antes de tomar a saída e Mauro no terceiro escalón do podio.


Xela foi a única representante individual do colexio, posto que os demais nenos e nenas clasificaron en Cee por equipos. Na súa categoría, a alevín feminina, a distancia era aínda maior e o nivel tamén moi alto. Xela fixo un bo esforzo e rematou a proba nun bo posto.

E por último competiron os nenos alevíns masculinos con Álex, Carlos, Daniel, Miguel, Rubén e Yerai. A distancia unha vez máis era maior que nas anteriores categorías e de novo o fixeron moi ben, mesmo correndo agrupados. Rubén e Yerai quedaron 9º e 10º respectivamente; a continuación entrou en meta Carlos arredor do posto 20º; e posteriormente entraron os outros tres nenos á vez: Miguel, Álex e Daniel, nos postos 42º, 43º e 44º.
Nesta última fotografía podemos ver a tódolos nenos e nenas do cole que foron a correr hoxe, agás Candela, que marchou un pouco antes. Noraboa a todos e todas polo ben que fixestes as carreiras e o esforzo que realizastes.
Tamén queremos felicitar ós nenos e nenas do Olimpia que acadaron uns excelentes resultados en tódalas categorías, e Lucía, Ana e Marta xuntos coas súas compañeiras acadaron tamén o terceiro posto por equipos e conseguiron cadansúa medalla e un trofeo.
Os outros compañeiros de viaxe foron os alumnos e alumnas do IES Agra de Raíces, onde corrían antigos alumnos do cole e tamén os temos que felicitar porque tamén gañaron medalla e quedaron primeiros por equipos.
Noraboa a todos e a todas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario